martes, 5 de febrero de 2013

QUEN SON?

Esta é a historia dunha paiasa, dunha princesa, dunha bombeira, dunha non-domadora de leóns...e de...quen sabe que máis cousas. Andrea, que así se chama a protagonista desta historia, é unha rapaza que quere ser tantas cousas que non terá nin tempo suficiente para saber o que se sinte sendo o que non é. Na súa casa ten moitos disfraces, algúns mercados polos seus pais e outros prestados por familiares e amigas. Estes días a súa casa semella unha tenda de traxes do Antroido. Un día pensa ser bombeira, apagará todos os lumes que poidan estar queimando as nosas fragas, outro día será princesa para non esperar a ningún príncipe azul porque xa sabe que son da mesma cor que ela, outro domadora de leóns porque quere demostrar que non se pode domar a animais salvaxes e libres como o vento, outro día paiasa porque dexesa facer rir a todos os nenos que teñan a súa cara triste e outro día...quen sabe. Quixera ser un pouco de todo para intentar facer deste mundo un lugar onde a alegría fose o sentimento que inundase de felicidade todos os corazóns.

No hay comentarios:

Publicar un comentario